A madrugada do martes producirase o novo apagón dixital

Na madrugada do próximo luns ó martes, as canles de TDT deixarán de emitir nas vellas frecuencias para instalarse o novo dividendo dixital. Remata así a prórroga de tres meses concedida en decembro polo goberno central para realizar a adaptación das antenas nas comunidades de edificios. No caso de domicilios particulares, basta con resintonizar os televisores desde o mando a distancia. Na madrugada do próximo martes producirase en España o segundo apagón da TDT. Tódalas canles de televisión: públicas, privadas, estatais, autonómicas e locais mudarán de frecuencia para facer oco á nova rede 4G de telecomunicacións. Esta reasignación do espectro radioeléctrico débese ó coñecido como ‘dividendo dixital’, polo que a banda de 800 megahercios empregada ata o momento se libera para dar cabida ás novas redes de comunicación, en especial á telefonía móbil por 4G. O certo é que as canles de televisión levan emitindo nestas novas frecuencias desde o pasado 26 de outubro, que foi a data na que o Ministerio de Industria abriu o prazo para incorporarse ás novas frecuencias asignadas no Plan Técnico da Televisión Dixital Terrestre. Pero non deixaron de emitir nas antigas para favorecer a transición. É dicir, mantivéronse en simulcast, emitindo por dúas frecuencias. A partir do martes, as vellas frecuencias irán a negro. Por iso, aquelas persoas que residen en vivendas unifamiliares deben resintonizar os seus televisores. Bata con que o fagan desde o mando. Non teñen que cambiar as antenas. Caso distinto é o dos edificios. As comunidades deben poñerse en contacto cun técnico que reoriente as antenas. A ter en conta: que os instaladores estean debidamente acreditados. O 1 de xaneiro deste ano debía entrar en vigor a nova configuración de frecuencias, pero o Goberno central decidiu aprobar unha prórroga de tres meses, xa que en decembro, menos da metade dos fogares españois adaptaran as súas antenas. As últimas estimacións de Industria indican que o próximo martes, máis do 98 por cento dos edificios estarán adaptados para sintonizas as novas frecuencias. Aseguran que non se concederán novas prórrogas, porque se estaría atrasando máis o desenvolvemento da tecnoloxía 4G e aumentando o malestar que existe xa entre os operadores de telefonía. O que si se manterá aberta é a liña de axudas que se habilitou para custear as adaptacións de antenas en comunidades de veciños. Poderán solicitarse ata o 30 de xuño. Para iso, os interesados deben aportar a factura da empresa que realizou esa adaptación. As achegas van dos 150 ós 500 euros en función do alcance da adaptación. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/27/dividendodixital.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/27/DIVIDENDO_DIXITAL.mp4{/flowplayer}