Adxudicada a terceira fase do saneamento da Ribeiriña

    POBRA> A empresa Taboada y Ramos vén de resultar adxudicataria das obras de construción da terceira e última fase do saneamento da Ribeiriña, no concello da Pobra do Caramiñal por un importe de preto dos 178 mil euros. A actuación, que dará comezo á volta da Semana Santa, beneficiará a uns 80 veciños. Finalmente e despois de varios atrancos que se produciron á hora de elaborar o proxecto construtivo, circunstancia que retrasou todo o proceso, Augas de Galicia xa resolveu o concurso de adxudicación da terceira e última fase do saneamento da Ribeiriña. As obras serán executadas á volta de Semana Santa pola empresa Taboada y Ramos por un importe de 178 mil euros. A finalidade do proxecto non é outra que a dotación dos servizos básicos naquelas zonas que non se incluíron nas dúas primeiras fases, concretamente vivendas situadas na marxe sur da estrada AC-305, así como tamén a outras dúas vías que discorren en perpendicular á dita estrada e que dan servizo a un pequeno núcleo de casas. Dende o concello agradeceron tanto a Augas de Galicia, como á propia Xunta, que se tivera en conta esta importante actuación que dará servizo a uns 80 veciños aproximadamente, coa que se dá por rematado xa o saneamento a este importante núcleo de vivendas. A actuación segue a liña marcada polo actual equipo de goberno de cara a consecución do tan ansiado saneamento integral para o municipio.