Porto do Son recolle os logros desta lexislatura nunha revista dixital

    PORTO DO SON> O executivo sonense presentou a súa revista dixital na que os dous grupos que integran o goberno repasan as actuacións acometidas ó longo da presente lexislatura. Destacan especialmente os investimentos en saneamento, a construción da gardería e a recuperación do castro de Baroña. O Partido Popular e Alternativa Veciñal de Porto do Son, que forman grupo de goberno dende o 2011, recolleron nesta publicación dixital algunhas das actuacións máis destacadas durante a lexislatura. A modernización da administración, as melloras en centros escolares e en parques infantís son unha boa mostra da aposta do executivo por facer un pobo máis accesible e con servizos para os cidadáns. Tamén a dinamización da economía local, a través do comercio e turismo, é unha prioridade do concello a través das melloras na praza de abastos e da posta en valor do castro de Baroña. En canto á dotación de servizos destaca especialmente a construción de infraestruturas de saneamento que permitiron cumprir co compromiso de acadar o oitenta por cento. En proxecto están xa outras actuacións como a posta en marcha da depuradora de Xuño ou a instalación da rede nos núcleos de Puílla, Eiravedra, Noal e Resúa.