
BARRO> A Cámara de Comercio de Vilagarcía será a encargada de seleccionar os proxectos que ocuparán o futuro viveiro de empresas do polígono de Barro-Meis. O presidente da Deputación, o alcalde de Barro e o presidente da Cámara percorreron os traballos que se están a realizar no solar que acollerá as futuras instalacións. Segundo Rafael Louzán, o edificio estará listo despois deste verán.
Se se cumpren as previsións, despois deste verán ao redor de dezaseis emprendedores terán un novo espazo para desenvolver os seus proxectos empresariais.
Da selección dos proxectos de emprendedores que ocuparán o viveiro encargarase a Cámara de Comercio de Vilagarcía. Segundo o seu presidente, hai moita demanda destes espazos.
O novo viveiro de empresas situarase á entrada do Polígono de Barro-Meis, e tamén antes de finais deste ano estará acompañado por un Centro de Apoio a empresarios desta área industrial.
Para os dous edificios, a Deputación fixo un investimento de 2,5 millóns de euros con cargo a fondos europeos.
Actualmente hai sete empresas pendentes de instalarse no Polígono de Barro-Meis, que se atopa a un 45% da súa ocupación. O proxecto máis importante é a futura nave de Froiz, que ten un prazo de desenvolvemento de dous anos. O arranque dos traballos está pendente dunha modificación puntual que agarda o visto bo da Xunta que chegará nas vindeiras semanas.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/30/poligono_barro_meis.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/30/poligono_barro_meis.mp4{/flowplayer}






