BOIRO> Aínda que a fé move montañas e a axuda divina tamén conta, non meten goles…e o equipo da Garda Civil, física e tecnicamente mellor preparado, levouse finalmente a vitoria, superando á formación dos curas por un contundente cinco a dous.
O resultado era o de menos e o verdadeiramente importante era a causa: recadar o máximo de fondos posible para Cáritas. E iso conseguiuse.
O campo de Vista Alegre quedouse pequeno, coas gradas e os arredores do terreo de xogo totalmente abarrotados, cumprindo tódalas expectativas que un choque deste calado merece.
Foron en total uns 4.500 euros de recadación que a entidade parroquial destinará a axudar a aquelas familias do municipio que máis o necesitan.
Tamén asistiu ó encontro o alcalde, Xosé Ramón Romero, encargado de realizar o saque de honra ó inicio do choque.
De seguro que os curas buscarán a revancha de cara ó vindeiro encontro, que vendo o resultado, todo fai pensar que o haberá.











