O último cribado da Pobra deixa sete positivos

POBRA> O incremento de contaxios nos últimos días sitúa á Pobra do Caramiñal no nivel alto de restricións. O cribado realizado esta fin de semana á veciñanza, na franxa de idade de entre 20 e 40 anos, permitiu detectar a un total de sete positivos.

Os datos na Pobra seguen a ser desfavorables, na liña dos últimos días.  O número de casos activos por covid sitúanse hoxe nos 36.

A suba experimentada nos contaxios foi precisamente unha das razóns polas que o Sergas decidiu facer un cribado poboacional a unhas dúas mil persoas do municipio de idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos, cun resultado de 7 positivos, a pesar de que a asistencia ó mesmo foi menor á agardada, pouco máis do 50% dos convocados.

A situación preocupa ó Concello, que teme que a situación implique maiores restricións, como aconteceu hai un mes, co peche perimetral.

Durante a fin de semana realizouse tamén outro cribado, neste caso no hospital da Barbanza a uns catrocentos traballadores dunha empresa da comarca, aínda que polo de agora Sanidade non deu resultados sobre o mesmo.