RIANXO>Non se trata dunha demanda nova senón que os xeiteiros de Rianxo levan anos pedindo un incremento nas cotas. Entenden que o carácter artesanal do xeito unido á importancia socieconómica desta actividade na vila son motivos máis que suficientes para aumentar ou mesmo eximir de cotas a este segmento da flota.
Ata o mes de abril non se establecerán os cupos definitivos da sardiña para este ano. Na actualidade tan só dispoñen de vinte quilos por barco e tripulante; unha cantidade a todas luces insuficiente para as máis de cen embarcacións do xeito con base en Rianxo.
Dende a confraría remitirán un escrito a Madrid para que o Ministerio teña en conta as súas demandas no reparto de cotas da sardiña.