Os alcaldes de Barbanza piden que se manteña operativa a vía rápida ata depois do Nazareno

    BARBANZA > Durante o mes de setembro, a comarca do Barbanza acolle dúas das súas festas máis emblemáticas, que congregan a miles de visitantes. Trátase da Guadalupe, que se celebra en Rianxo a segunda semana de setembro, e do Nazareno, que se festexará na Pobra o terceiro domingo do mes.

    Dada a gran cantidade de desprazamentos que se agardan durante estas datas, os concellos barbanzáns solicitan á Consellería de Obras Públicas, que manteña aberta a vía rápida na súa totalidade, pospoñendo os peches precisos para a execución das obras de conversión en autovía.

    Durante a visita ás obras da futura autovía do Barbanza realizada por María Xosé Caride durante o pasado mes de xuño, os alcaldes de Arousa Norte xa lle solicitaran á titular de Obras Públicas a necesidade de manter operativa a vía autonómica durante o mes de setembro.

    A razón non é outra que a celebración, durante este mes, de dúas festas de interese turístico que atraen ata a comarca a miles de visitantes: a Guadalupe, en Rianxo, e o Nazareno, na Pobra.

    Á espera de coñece-las intencións de Política Territorial con respecto ós futuros peches da vía rápida, os concellos barbanzáns confían en contar co apoio do departamento autonómico para facilitar os desprazamentos ata a comarca.

    Escasa capacidade

    Tanto os alcaldes, como as asociacións de empresarios e as comisións de ámbalas dúas festas, xa amosaron a súa preocupación ante os posibles cortes de tráfico, posto que a vía alternativa, a estrada comarcal AC-305, sería incapaz de soportar o alto volume de vehículos que se desprazan polo Barbanza durante a primeira quincena de setembro.

    Despois dos contactos mantidos coa delegación provincial de Política Territorial, os mandatarios barbanzáns auguran que a vía autonómica seguirá operativa polo menos ata mediados de setembro, favorecendo así a fluidez do tráfico ata que pasen estas datas tan significativas.

    Redacción Barbanza