Noia será esta fin de semana a capital galega do tenis de mesa

NOIA> O pavillón Rosalía de Castro acollerá a disputa dos campionatos galegos en categorías benxamín e xuvenil. Baixo a organización da sección de tenis de mesa da Sociedade Liceo de Noia, a Federación Galega de Tenis de Mesa e o propio concello noiés esta vindeira fin de semana, o sábado 4 e o domingo 5 de abril, disputarase en Noia os campionatos galegos en categorías benxamín e xuvenil. Os partidos xogaranse no pavillón Rosalía de Castro. Durante eses dous días ata a vila noiesa achegaranse xogadores procedentes da práctica totalidade de clubs galegos, que competirán tanto nas modalidades individuais coma dobres, así como masculinas e femininas. Dende o concello noiés, así como dende a propia Sociedade Liceo, entidade tamén colaboradora na organización, destacaron a importancia de poder albergar estes campionatos, que por primeira vez recalarán en Noia, facendo unha chamada ós veciños da vila a acudir eses días ata o pavillón Rosalía de Castro, xa que a ocasión merece a pena.