Rianxo acollerá esta fin de semana o XI Encontro Internacional da zanfona

RIANXO> Organizado pola Central Folque, coa colaboración do propio concello rianxeiro, a edición deste ano centrarase nun curso e na presentación dun libro escrito por Pablo Quintana sobre Amadeo Goyanes, así como tamén nun concerto a cargo da prestixiosa concertista canadense Tobbie Miller. Por cuarto ano consecutivo o auditorio de Rianxo acollle o Festival Internacional de Zanfona organizado pola Central Folque en colaboración co propio concello e que se desenvolverá os vindeiros días tres, catro e cinco de abril. Trátase xa dunha cita consolidada no calendario cultural rianxeiro e un referente internacional que converterá a esta vila mariñeira no punto de encontro para os amantes deste instrumento. A oferta nesta edición será do máis variada, con sesións didácticas, cursos dirixidos a público especializado, máis tamén algunhas actividades abertas ó público en xeral, como é o caso dun baile que se desenvolverá o sábado ás dez e media da noite nos locais do Liceo. Aproveitarase este encontro para presentar o primeiro libro escrito sobre Amadeo Goyanes, no centanario do seu nacemento, así como tamén para celebrar un concerto a cargo da artista internacional Tobbie Miller.