O SQeM de Vilagarcía acada varios podios no II Trial de Pontecesures

PONTECESURES > Jorge Suárez, do Motoclub Boiro, proclamouse campión do II Trial Velas Artesanas Joaquín Diéguez de Pontecesures. A proba, puntuable para o campionato galego, disputouse este domingo en Pontecesures. En total participaron 40 pilotos distribuídos en 7 categorías.

A proba de TRIAL realizouse nos arredores do Monte Salgueiras de Pontecesures, onde cada piloto tivo un tempo máximo de 3 horas para completar o percorrido de 8 zonas a 3 voltas por cada unha delas. O circuíto foi moi selectivo para os 40 pilotos inscritos na proba, que superaron os desniveis do terreo con áxiles manexos das súas motos.

O motoclub SQeM de Vilagarcía, quedou en mui boa posición nesta segunda proba do Campionato Galego, con representación en practicamente tódolos podios. Carlos Miguéns mantén o seu liderato na categoría cadete e volveu a quedar primeiro, mesma posición que acadou nesta proba Javier Piñeiro en Promoción e Mauro Hermelo en júnior. Joaquín Diéguez quedou segundo na categoría sénior B, mentres que Verónica Miguens e Enma Castañeiras ocupan a segunda e terceira posicións respectivamente na clasificación xeral de féminas.

A seguinte proba puntuable para o campionato galego será o 7 de maio en Meira- Moaña. Pero os afeccionados ó trial terán entre medias o europeo e o mundial en Nigrán, os días 1 e 2 de abril.

Redacción Salnés