O executivo noiés regulará a entrada de vehículos na zona de ‘Intramuros’

    NOIA> Trátase dunha vella demanda do grupo de goberno que, por unhas ou por outras razóns, nunca puido saír adiante. Agora a tan ansiada humanización da zona antiga parece máis preto. Sempre foi un dos principais cabalos de batalla dos numerosos gobernos que pasaron pola alcaldía noiesa, pero ata o de agora ninguén fora capaz de dar os pasos necesarios para a tan ansiada peonalización do casco histórico da vila e apartar definitivamente ós vehículos deste espazo singular. No último pleno o equipo de goberno aprobou en solitario unha ordenanza que regulará o acceso á zona antiga. Aínda así a entrada de vehículos non se restrinxirá a todo o casco histórico e limitarase á zona coñecida como de ‘Intramuros’, que engloba coa zona comprendida polos Malecóns de Gasset e Cadarso, e as rúas Carreiriña do Escultor Ferreiro, Porta da Vila, o primeiro tramo da Rúa de Galicia e a Rúa do Ferrador. A ordenanza consta dun total de dezasete artigos nos que se regula minuciosamente toda a sinalización, lugares de acceso, residentes e propietarios, así como usuarios de garaxes, titulares de establecementos e o acceso de persoas con discapacidade. Con esta normativa o executivo noiés busca a mellora do casco histórico, facéndoo máis habitable e tratando de potenciar o importante tecido comercial e hostaleiro da vila.