Os concellos locen a súa mellora cara para a Semana Santa

    BARBANZA> Inmersos xa na Semana Santa, son moitos os concellos que colgan o cartel de cheo nos seus establecementos hostaleiros. É o caso de Muros, onde a poboación se duplica durante estas festas ante o número de visitantes atraídos pola singularidade da súa Semana Santa. Malia que as celebracións xa arrancaron o Venres das Dores, será a partir do xoves cando Muros ofreza os pratos fortes da súa semana santa que, este ano, reserva algunha que outra sorpresa ós visitantes. O concello desenvolve nestas datas un operativo especial para ofrecer a máxima comodidade e os mellores servizos ós visitantes. Ademais de incrementar os efectivos da policía local e da garda civil, a oficina de turismo permanecerá aberta durante toda a semana. Tamén na Pobra, a brigada municipal de obras puxo a punto as praias do municipio en vista das boas previsións meteorolóxicas. Acondicionáronse ademais as rúas peonís e procedeuse ó repintado das principais vías para reforzar a seguridade. A Pobra xa loce a súa mellor cara nesta Semana Santa na que recibirá centos de visitantes. Dende o concello non escatimaron esforzos na posta a punto dos lugares máis concorridos, tanto por peóns como por condutores, para garantir a seguridade nos desprazamentos. As praias son outro dos principais reclamos turísticos do municipio polo que se procedeu á limpeza de tódolos areais así como ó arranxo do muro do paseo dos Areos danado polo temporal. Esta actuación ten carácter provisional polo que terá continuidade tralas vacacións. Durante toda a semana desenvolverase ademais un operativo especial de tráfico integrado por membros da policía local e voluntarios de Protección Civil, encargados de regular a circulación nos momentos de maior aglomeración coincidindo coa celebración das procesións.