A ANPA de Rubiáns acusa a Llovo de pasar por alto as súas demandas

    VILAGARCÍA> Moita hostilidade e gran enfado foi o que se puxo de manifesto no pleno de Vilagarcía entre a asociación de nais e pais do colexio de Rubiáns e o goberno local. A presidenta da ANPA sacou os colores á concelleira de Educación nunha sesión na que tamén houbo oco para reclamar unha UVI móbil para o Salnés con base en Vilagarcía ou unha parada do AVE a Madrid na cidade. Todas as demandas saíron adiante por unanimidade. Un ano e medio despois de alzar a voz demandando un ximnasio digno para o colexio de Rubiáns, a Asociación de Nais e Pais do centro volvía a tomar as pancartas e facerse oír no pleno da corporación. A través da súa presidenta, Loli Lago, deixaron patente o seu enfado co goberno local, centrando as súas increpacións na concelleira de Educación, Rocío Llovo. A ela acusárona de desprezar as súas demandas e non facer as xestións precisas ante a Xunta. A dureza das palabras dos pais foron respondidas polo goberno local cunha data: a finais de abril ou principios de maio terán o informe técnico sobre o estado do centro solicitado á xefatura territorial de Educación. Pero nada concreto sobre posibles actuacións no ximnasio. Accións e concreción foron as esixencias que se oíron por parte da oposición para logo apoiar por unanimidade a moción pola que se esixe á Xunta que materialice ese informe técnico. Os que tamén se deixaron oír no pleno foron os traballadores do sector das ambulancias, para pedir unha UVI móbil para a comarca do Salnés con base en Vilagarcía. A demanda chegou vía moción do BNG e tamén contou co apoio de tódolos grupos da corporación. A mesma unanimidade coa que se acolleu a moción de urxencia presentada polo PSOE para instar ó goberno estatal a que os trens de alta velocidade a Madrid fagan parada en Vilagarcía. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/01/plenovillamarzo15.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/01/pleno_vilagarcia_marzo15.mp4{/flowplayer}