O executivo ribeirense quere dar continuidade ó proxecto ‘Riveira Atlántica’

    RIBEIRA> A intención do goberno local pasa por levar adiante dúas actuacións como son o novo mercado e o deseño dun vehículo eléctrico para a recollida de residuos nos pequenos núcleos rurais. Cun presuposto de dous millóns de euros, o executivo ribeirense está a dar os primeiros pasos para lograr o financiamento necesario que permita poder levar adiante estes dous proxectos, e dar así continuidade ó ‘Riveira Atlantica 2015’ que vén de clausurarse recentemente. Nesta ocasión o goberno local aposta pola adopción de modelos innovadores e ambientalmente sostibles en relación a dous servizos de ámbito municipal como son o novo mercado e o sistema de recollida de residuos sólidos en pequenos núcleos rurais. Trátase de dúas actuacións cunha forte carga de I+D e que seguen a senda marcada por outras accións, como foron o Plan de Mobilidade Urbana, a Web-Six ou o Plan de Eficiencia Enerxética, proxectos todos eles que fixeron que o municipio fose distinguido a primeiros de ano como nova Cidade da Ciencia e a Innovación. En relación ó mercado, o proxecto consiste na creación dunha plataforma que recolla información en tempo real de tódolos postos do mercado e dos propios usuarios, a efectos de crear un mapa interactivo, con ofertas, eventos e incidencias, e que permita unha xestión dinámica e intelixente de colas. Toda esta información podería mostrarse en paneis informativos multimedia do propio mercado ou mediante aplicacións web e para smartphones. Ademais, quérese alcanzar tamén un modelo de mercado virtual con trazabilidade activa, que permita realizar xestionar e realizar a compra online, dende o produtor ó consumidor final en restauración, con elementos interactivos que permitan servizos avanzados como a preparación e reparto a domicilio. A segunda liña de actuación deste plan sería o deseño dun vehículo de recollida eléctrico con emisións nulas, co fin de prestar servizo en núcleos rurais no que os accesos fan necesario o uso de medios de transporte de pequenas dimensións. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/novosretosexecutivoribeira0604151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/06/novosretosexecutivoribeira060415.mp4{/flowplayer}