Éxito de participación na primeira edición do Boiro Cool Market

    BOIRO> Éxito da primeira edición do Boiro Cool Market celebrado este fin de semana. A combinación dun espazo de vendas con outro de exhibicións, espectáculos e actividades culturais atraeu a numeroso público consolidando esta iniciativa de cara a futuras edicións. Conscientes da reformulación que precisan as feiras de oportunidade, a Asociación Boirense de Empresarios decidiu este ano apostar pola innovación do Boiro Cool Market, que se celebrou de venres a domingo no espazo multiusos do mercado municipal. Os xa tradicionais expositores de vendas conformaban tan só unha parte desta feira que ofrecía ó visitante moito máis. Dende unha exposición de artistas locais, música en vivo e degustacións gastronómicas ata desfiles de moda, obradoiros culturais e charlas de distintos emprendedores que deron a coñecer a súa experiencia de montar un negocio. A gran afluencia de visitantes atraída por esta interesante oferta traduciuse nun incremento das vendas que suxire o bo camiño polo que deben avanzar este tipo de iniciativas comerciais. O bo balance realizado pola patronal xunto co concello que colaborou na organización xunto coa Xunta de Galicia fai pensar na continuidade deste mercado de cara ó futuro.