O paro cae no Salnés e Barbanza en máis de seiscentas persoas

    SALNÉS/BARBANZA> Máis de medio milleiro de persoas saíron en marzo das listas do paro no Salnés e no Barbanza. As dúas comarcas seguiron a tendencia a nivel nacional e autonómico nun mes de marzo que xa se cualificou como histórico, coa maior baixada do desemprego na última década. Indo ó detalle, no Salnés, o desemprego reduciuse en 557 persoas, no Barbanza en 80. O sector servizos foi o que máis empregos creou durante o mes pasado xunto co da construción. A chegada dos primeiros turistas por Semana Santa explicarían este aumento das contratacións. Só hai que reparar nos datos de concellos como O Grove, Sanxenxo ou Vilagarcía, nos que o desemprego caeu de media en 130 persoas. A nota discordante atopámola no Barbanza, no concello da Pobra, único municipio que destruíu emprego en marzo. A cifra total de parados nestes intres ascende no Salnés a 12.668 persoas e no Barbanza a 5.507. No caso da comarca de Caldas son 3.845 os parados a 31 de marzo. Pontevedra marcou o récord galego como a provincia galega na que máis baixou o paro. Pechou mes con 3.077 demandantes menos.