VILAGARCÍA> Reciclar en Vilagarcía agora ten premio. A Tropa Verde acampa entre hoxe e mañá na praza de Galicia para incentiva-la reciclaxe. Aqueles que participen na campaña poderán conseguir premios e descontos en diversos comercios da cidade.
Reciclar é moi sinxelo, non custa nada e agora, ademais, ten premio. A Tropa Verde de Vilagarcía pon en xogo máis de 60 premios para aqueles que se unan á causa. A inciativa, impulsada polo Concello, busca fomenta-la reciclaxe entre os veciños.
Agora, o proxecto busca máis participantes. A Tropa instalouse na praza de Galicia para, entre hoxe e mañá, captar novos usuarios. Polo de agora, este exército vilagarcián da reciclaxe conta xa con máis de 250 persoas implicadas. Aproveitando estas xornadas, a Tropa está a agasallar bolsas reutilizables ós veciños. Segundo nos contan, moitos deles aínda teñen dúbidas sobre o proceso da reciclaxe de residuos.
Así que xa sabe, se vostede quere formar parte da Tropa Verde mañá á mañá, entre as 10 e as 2 ten unha nova oportunidade neste posto instalado na praza de Galicia.