9.453 sinaturas reclamando un centro de día e residencia para o alumnado do CEE de Vilagarcía

VILAGARCIA> A ANPA do Centro de Educación Especial de Vilagarcía entrega máis de 9.000 sinaturas reclamando un centro de día e unha residencia. Inician deste xeito o camiño para chegar ata a Consellería de Política Social para lograr ese obxectivo. As familias explican que O Salnés necesita estes servizos, pensando nos agora nenos que no futuro serán adultos. Explican que precisan dun lugar onde poder seguir desenvolvendo a súa vida.

9.453 sinaturas. Estes son os apoios que conseguiu xuntar a ANPA do Centro de Educación Especial de Vilagarcía para que na comarca do Salnés se constrúa un centro de día e unha residencia.

Este martes levaron as sinaturas ao concello. O seguinte paso é chegar á Consellería de Política Social, reclamando algo que lles parece tan necesario como xusto.

Nese camiño queren contar tamén co apoio da Mancomunidade do Salnés. Queren reunirse co organismo comarcal para presentarlle o seu proxecto.

A etapa escolar no centro de educación especial remata aos 21 anos. Este curso, por exemplo, rematan catro dos seus 60 alumnos.

Nestes momentos non hai prazas nos centros dispoñibles na zona, caso de Con Eles. Explican que, ademais, son prazas vitalicias polo que o movemento de vacantes é moi limitado.