Sanxenxo parcelará Silgar para garantir a distancia de seguridade sanitaria

SANXENXO> Xa nos están a dicir que a vida despois do coronavirus será diferente, e esta agardada nova normalidade terá tamén os seus efectos na praia de Silgar, en Sanxenxo. Este verán, veciños e visitantes atoparán o areal dividido en cuadrículas para garantir que se mantén a distancia de seguridade para previr os contaxios. O modelo, que reducirá o aforo da praia entre un 75 e un 50%, tamén se aplicará en Panadeira e Caneliñas.

A praia de Silgar dividida en parcelas e persoal exercendo de acomodadores distribuíndo o aforo. É a imaxe que ofrecerá o areal máis popular de Sanxenxo durante o verán para garantir que se cumpren as distancias de seguridade sanitaria.

Silgar estará dividida en cinco sectores, cada un identificado cunha cor diferente e separado dos outros por vías de seis metros de ancho. O areal estará fragmentado nun total de 780 cuadrículas de 9 metros cadrados.

A medida reserva dúas franxas lonxitudinais. Unha entre o mar e a primeira liña de parcelas para paseos e xogos. Xa na zona traseira, pegada ao muro, reservarase outra para os baños, o módulo de salvamento e unha zona recreativa. Tamén se reducirán os accesos ao areal de once a cino.

Dende o concello son conscientes de que esta ordenación suporá reducir o aforo da praia entre un 50 e un 75% respecto doutros anos. Martín apelou á responsabilidade dos usuarios.

Este modelo trasladarase a outros areais urbanos de Sanxenxo, como Panadeira e Caneliñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí