VILAGARCÍA > A sociedade arousá sumouse esta fin de semana á celebración do quinto aniversario do Diario de Arousa. O xornal entregou os premios Arousán do ano entre outros a Cultura Quente, as asociacións Bata e Esperanza Salnés, e ó regatista Antón Paz.
O Diario de Arousa celebrou esta fin de semana o seu quinto aniversario entregando os premios Arousán do Ano. O acto contou co respaldo de tódolos sectores da sociedade das comarcas do Salnés, Barbanza, Ulla-Umia e do concello de Pontevedra. Tamén participaron o delegado do goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, e pola Xunta, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.
Nesta gala o xornal arousán premiou no apartado de Cultura ó Festival Cultura Quente de Caldas. Tamén se premiou a labor da Federación pola Cultura Marítima e Fluvial, organizadora dos Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cambados. A Fundación Valle Inclán foi recoñecida pola súa promoción da obra do insigne escritor.
No apartado Social recibiron o Arousán do Ano a asociación Bata para o tratamento do autismo, Esperanza Salnés polo seu traballo con persoas que padecen algunha eiva física ou psíquica, o Programa ‘As xentes do mar’, desenvolvido polo concello do Grove; a Protectora de Animais de Vilagarcía, con máis dunha década de traballo no refuxio de Pinar do Rei; e a Asamblea Comarcal de Cruz Vermella en Arousa. A iniciativa Guimatur Cambados posta en marcha por un grupo de mariscadoras tamén foi recoñecida co premio Arousán do Ano.
No apartado empresarial o Diario de Arousa recoñeceu a Adolfo Guillamón, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Salnés; á Asociación Boirense de Empresarios; e a Manuel Carballo, fundador da empresa Muebles Carballo.
En deportes, os premiados foron o club de piragüismo Náutico O Muíño de Ribadumia; a Selección de Atletismo de Discapacitados do Salnés; e ó regatista Antón Paz Blanco, que ó non estar presente foi recollido polo seu pai. As institucións tamén foron recoñecidas nesta gala. O Diario de Arousa entregoulle a Caixanova, Deputación, concello de Vilagarcía e Xunta cadansúa dorna de cerámica.
Redacción Salnés