Baión viaxa no tempo coa novena edición da Mostra de Oficios e Tradicións que organiza O Castro

VILANOVA> Cita co pasado esta fin de semana en Vilanova. Será na novena edición da Mostra de Oficios e Tradicións que organiza a Asociación O Castro, de Baión. A programación inclúe representacións de actividades como a malla, ir ao toxo ou traballos no lavadoiro. Todo nun ambiente festivo, con distintas propostas musicais e procurando a implicación da rapazada e mocidade para que nunca nos esquezamos de onde vimos.

Esta fin de semana a parroquia vilanovesa de Baión viaxa a tempos pasados. A Asociación O Castro organiza a novena edición da súa Mostra de Oficios, Tradicións e Xogos Populares.

Con ese obxectivo, a entidade deseñou unha completa programación para o sábado e o domingo. Na mostra recuperaranse moitos oficios que, co paso do tempo, foron caendo no esquecemento. En total, participarán máis de 20 oficios, como zoqueiros, canteiros, cesteiros ou carpinteiros, entre outros.

Haberá tamén actividades para a rapazada e obradoiros.

A todo isto hai que engadir distintas propostas musicais e gastronómicas ao longo da fin de semana. Unha proposta máis que ampla para atraer a maiores e pequenos.

Dende a organización lembran aos visitantes que poñen á súa disposición un amplo aparcadoiro na contorna da Mostra.