VILAGARCÍA> Un verán máis a ambulancia medicalizada con base no hospital do Salnés trasladarase a Sanxenxo. O BNG volve cargar contra esta medida que, consideran, pon en risco a saúde da veciñanza de boa parte da comarca. Advirten que con este cambio de localización, os tempos de resposta multiplícanse, afectando en especial a municipios como Vilagarcía, Catoira, Cambados ou A Illa. Piden que o hospital manteña a ambulancia e que se dote a Sanxenxo e O Grove dunha segunda unidade medicalizada.
O 1 de xullo farase efectivo o traslado da ambulancia medicalizada que ten a súa base no Hospital do Salnés a Sanxenxo. Unha medida que se vén tomando nos últimos anos e que, unha vez máis, denuncia o BNG. Con este cambio de localización advirten que moitos puntos quedan desprotexidos e os tempos de resposta dilátanse.
Unha opinión que comparte o persoal de emerxencias que, ademais, advirte da falta de recursos en xeral nesta zona.
O BNG di que non vai normalizar esta anormalidade. Anuncia ofensiva social e institucional para pedir explicacións sobre o traslado a Sanxenxo.
E apuntan que sendo conscientes de que todos os concellos da zona multiplican a súa poboación no verán, o razoable sería manter a ambulancia medicalizada no hospital e dotar a Sanxenxo e O Grove dunha segunda unidade.
E tamén que se dote dun segundo técnico a ambulancia medicalizada que ten a base no hospital. Reclaman tamén que traslados entre centros que se poderían facer con outros medios se deixen de facer coa medicalizada, para garantir que estará dispoñible para situacións onde realmente é precisa.











