En liberdade con cargos oito dos detidos na segunda fase da Operación Vipe

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/08/denunciasfurtivismobarbanza10804151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/08/denunciasfurtivismobarbanza1080415.mp4{/flowplayer} BARBANZA> A segunda fase da Operación VIPE saldouse coa detención de doce presuntos furtivos que actuaban de maneira organizada nas concesións de Cabo de Cruz. Oito deles xa foron postos en liberdade tras prestar declaración. Con esta segunda fase da operación VIPE a Garda Civil dá por desmantelada unha importante rede de furtivos que operaban de xeito organizado nas concesións da confraría de Cabo de Cruz. Tralo rexistro de varias vivendas, os axentes do Seprona e da Garda Civil detiveron a doce persoas, en Noia, Escarabote, Cabo de Cruz, Boiro e Rianxo. Dúas quedaron en liberdade horas despois da detención mentres que seis deles pasaban a disposición xudicial pouco antes das nove desta mañá en Ribeira. Tras prestar declaración, a titular do xulgado de instrución número dous decretou liberdade con cargos xa que continúan acusados dos delitos de coaccións, ameazas e pertenza a banda organizada. O resto dos detidos comparecerán ante o xuíz entre mañá e o venres. Ademais do marisqueo ilegal, a garda civil investiga a implicación dos detidos nos episodios de agresións e ameazas vividos nas praias nos últimos meses. Intentan tamén determinar se existe algún tipo de relación entre os agora detidos e os implicados na primeira fase da operación. O pasado dezaoito de marzo iniciábanse os rexistros na confraría de Cabo de Cruz que derivaron na detención do ex patrón maior e a expresidenta das mariscadoras, que tamén foron postos en liberdade aínda que se manteñen as imputacións por estafa, apropiación indebida e falsidade documental. Precisamente a presión policial exercida sobre os furtivos en Cabo de Cruz provocou un repunte do marisqueo ilegal nas confrarías limítrofes. É o caso da Pobra que, nos últimos días, viuse obrigada a reforzar as vixilancias con quendas a cargo dos propios produtores. O incremento da presenza de furtivos nos areais pobrenses ten como resultado a extracción ilegal dunha media de entre trescentos e catrocentos quilos de marisco diario. Para frear a acción destes mariscadores ilegais, que arrasan non só coa ameixa de tamaño comercial, senón tamén coa cría, a confraría comezou a organizar quendas de vixilancia por parte dos mariscadores que deben compaxinar estas tarefas co traballo diario de extracción. Dende a confraría piden un maior control coa presenza de patrullas do Seprona que disuadirían ós furtivos ante o poder sancionador dos axentes, que non teñen os vixilantes. Tamén consideran necesario exercer maior presión sobre as canles de comercialización xa que sospeitan que estas cantidades de marisco non se venden só a particulares senón tamén a criadeiros que poderían estar colaborando con esta rede de extracción ilegal.