O incremento da demanda de prazas enche as aulas da Escola Náutica de Ribeira

    RIBEIRA> A Escola Náutico Pesqueira de Ribeira desenvolveu unhas xornadas de portas abertas para dar a coñecer a oferta formativa do centro. Ademais dos ciclos de máquinas e ponte, a escola imparte cursos non regrados que van dende o de mariñeiro pescador ata patrón de pesca. Malia que o obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o centro para incrementar o número de alumnos interesados en algún dos ciclos e cursos dispoñibles, o certo é que a día de hoxe a matrícula na escola náutica de Ribeira está completa. Mozos de toda a comarca, maioritariamente homes xa que as mulleres supoñen tan só un vinte por cento do alumnado, cursan estudos neste centro. Os cursos caracterízanse polos contidos eminentemente prácticos. Os alumnos desenvolven a súa actividade no taller ou ben nos simuladores, tanto de ponte como de máquinas, con que conta a escola. Ademais do ciclo medio e dos dous superiores, desenvólvense todo o ano distintos cursos, de curta duración, que contan tamén cunha altísima demanda. Trátase de especialidades con importantes índices de ocupación laboral polo que moitos mozos vén na formación náutico pesqueira a mellor saída nestes tempos de crise.