RIANXO> O Sergas prevé implantar o servizo de hospitalización a domicilio en Rianxo durante o primeiro semestre do ano. Esta previsión non satisfai ós afectados que lembran o acordo parlamentario aprobado por unanimidade que establecía como límite os tres primeiros meses de 2022 para ter operativo o servizo.
A resposta remitida pola Consellería de Sanidade ós veciños de Rianxo que reclaman a implantación do HADO en Rianxo provocou a indignación do colectivo que xa comezou a instalar pancartas en diversos puntos do municipio en sinal de protesta. A estimación temporal de poñer en marcha o servizo durante o primeiro semestre do ano incumpre co compromiso inicial adquirido por tódolos grupos do Parlamento de facelo no primeiro trimestres.Por esta razón, a deputada socialista Noa Diaz presentou unha batería de preguntas sobre os impedimentos para estender a cobertura de HADO a Rianxo nos prazos previstos.
Tamén o grupo municipal do PSOE en Rianxo levará a pleno unha moción demandando este servizo tan necesario cun gran número de potenciais usuarios, tanto enfermos crónicos e que dependan dalgunha medicación como enfermos que precisan coidados paliativos.
A moción debaterase este xoves e dende o PSOE agardan contar co apoio de toda a corporación por tratarse dun servizo moi necesario para Rianxo, que quedou fóra do programa por apenas 3 quilómetros segundo o modelo de organización en función da distancia ós hospitais de referencia.