Esvaécense as esperanzas tras catro xornadas de busca en Porto do Son

PORTO DO SON> A cuarta xornada de busca dos mozos desaparecidos en augas de Portosín rematou tamén sen resultados. A terceira ocupante, que si puido ser rescatada, xa foi dada de alta.

A pesar do paso dos días o operativo de busca mantense con numerosos medios na zona comprendida entre Aguieira e Basoñas. Por terra, mar e aire tratan de dar cos dous mozos que o pasado luns desaparecían a bordo do kaiak no que viaxaban. A súa compañeira, que si puido ser rescatada, tras alcanzar a nado unha zona rochosa xa foi dada da alta posto que as lesións que presentaba non revestían gravidade. Máis difícil será  recuperarse do forte impacto emocional trala traxedia vivida que está a golpear tamén á vila de Noia, onde residen os desaparecidos.

Moi atentos ó desenvolvemento deste dispositivo, dende o concello de Noia estudan unha serie de medidas en apoio ás familias que se adoptarán nos próximos días en función de como evolucione o operativo.

Está previsto que a busca continúe durante a xornada de mañá. Se non hai resultados podería suspenderse ata pasados varios días, cando se estima que os corpos poderían saír a flote.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí