Rianxo convértese en sede da memoria histórica coa homenaxe á República

    RIANXO> Rianxo acollerá este sábado diversos actos para conmemorar o Día da República que se celebra o catorce de abril. A través dunha ofrenda floral, unha exposición e un debate pretenden reivindicar os valores republicanos como garantes dunha auténtica democracia. Ás seis da tarde arrancarán os actos a cargo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica cunha ofrenda floral no antigo campo de concentración. A continuación inaugurarase no auditorio rianxeiro a exposición do centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira, un exemplo de muller republicana adiantada ó seu tempo. A xornada terá continuidade coa proxección do documental ‘In memoria’ que narra a historia de sete represaliados na comarca. A partir das oito da tarde celebrarase unha mesa redonda coa participación de representantes políticos que abordarán as claves da situación actual que atravesa a democracia. Os actos concluirán cunha cea de confraternidade no restaurante Pachín a partir das dez e media da noite.