Miguel Paz compromete ‘honradez, transparencia e traballo’ na xestión municipal

    NOIA> O PSOE noiés aproveitou esta pasada fin de semana para presentar a candidatura completa coa que concorrerán ós vindeiros comicios municipais. Un a un, e por orde inversa, tódolos membros da candidatura foron subindo ó escenario, baixo os aplausos do númeroso público que se achegou ata o coliseo Noela. O encargado de abrir o turno de intervencións foi o ex-alcalde, Jesús Díaz Fornas, que tamén forma parte da lista. Pediu o apoio para o candidato Miguel Paz e destacou o gran equipo configurado para o goberno municipal, segundo el, persoas moi competentes e con moita formación. Tamén interviron no acto os números tres e dous da candidatura, Xosé Manuel Lage e Sandra González, respectivamente. Serán os nomes fortes dunha lista na que dos edís actuais na corporación tan só repetirá Marisa Resúa, que vai de número cinco. Os dous loubaron ó actual goberno municipal e defenderon a necesidade de continuar o bo traballo feito ata o de agora, marcándose como principal reto convertir a Noia nun concello de referencia. O último en subirse ó escenario foi o candidato Miguel Paz. Na súa intervención aludiu a que non ía facer falsas promesas nin vender fume, comprometendo honradez, transparencia, traballo e sentido común para dirixir o concello nos próximos catro anos.