Presentada a segunda edición da Festa do Polbo de Palmeira

    RIBEIRA> Palmeira acollerá esta próxima fin de semana unha nova edición da Festa do Polbo. A cita gastronómica, que por segundo ano consecutivo organiza o concello de Ribeira en colaboración coa Comisión de Festas e varios locais hostaleiros da parroquia, foi presentada este mediodía no concello pola tenente de alcalde Fabiola García e o edil Emilio Pérez. Terá lugar na explanada portuaria onde se instalará unha carpa na que se servirán as racións do cefalópodo a un módico prezo. Dos fogóns encargarase o reputado polbeiro, Manuel Veloso. A organización, que prevé superar os mil quilos de cefalópodo consumidos o pasado ano, deseñou tamén un amplo abano de actividades complementarias, con varias actuacións musicais e unha exhibición de zumba. O pregón da festa correrá a cargo do xornalista palmeirán Pemón Bouzas. Será o sábado ás doce e media da mañá.