OUTES> A Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Noia desmantelou unha plantación ilegal de cannabis nunha parcela de aproximadamente uns 2.300 metros cadrados no lugar de Cando, no concello de Outes. Foi no marco da denominada operación ‘Cannabun’.
A Garda Civil iniciou a investigación tras ter coñecemento da súa existencia. No lugar os axentes atoparon unhas 2.500 plantas, a maioría delas en plena floración.
Ó parecer a plantación atopábase amparada como de produción industrial de cáñamo, polo que os axentes solicitáronlle ó seu propietario as correspondentes autorizacións, recollendo mostras das plantas para o seu envío ó laboratorio e comprobar así a porcentaxe de THC, que non podía ser superior do 2 % para a consideración de cáñamo industrial.
Unha vez recibidos os resultados do laboratorio, confirmouse que as mostras contiñan porcentaxes ata tres veces maior do autorizado.
Ademais comprobouse tamén que a plantación carecía da autorización da Axencia Española do Medicamento, polo que se procedeu á retirada das plantas para a súa destrución.
Os axentes abriron ademais unha investigación ó propietario da parcela como suposto autor dun delito contra a saúde pública.