O BNG de Rianxo repasa os logros do goberno como mellor aval cara as eleccións

    RIANXO> O BNG de Rianxo presentou a súa candidatura ás municipais encabezada polo actual alcalde, Adolfo Muíños. A lista presenta poucas novidades con respecto á presentada en 2011 xa que repiten a maior parte dos edís actuais. A deputada no Congreso, Rosana Pérez, e o voceiro nacional, Xavier Vence, apoiaron a Adolfo Muíños no acto de presentación da súa candidatura na que repiten os actuais concelleiros nos primeiros postos da lista. A primeira en tomar a palabra foi a deputada nacional quen fixo un repaso polas políticas levadas a cabo polo goberno rianxeiro, encabezado polo BNG, nestes catro anos. Políticas que, a pesar dos recortes impostos dende Madrid, conseguiron mellorar a economía local e atraer poboación, como exemplo do bofacer dos nacionalistas. Tamén o portavoz nacional aludiu ós logros demostrados polo goberno rianxeiro como mellor aval de cara á próxima cita coas urnas. Vence destacou o compromiso cos sectores produtivos na súa defensa da flota pesqueira ante os ditados de Bruxelas. Precisamente, ese apoio á flota foi unha das accións do goberno que quixo destacar o candidato criticando á súa vez a falla de interese do Partido Popular nun dos sectores claves da economía galega. Por último, Adolfo Muíños criticou a oposición irresponsable practicada polo Partido Popular de Rianxo que ó longo destes catro anos tentou frear iniciativas positivas para o pobo, movéndose tan só por intereses partidistas.