O Parlamento rexeita a moción dos populares sobre o porto exterior de Ribeira

    RIBEIRA > A moción sobre a ampliación do porto exterior de Ribeira, presentada polo deputado do PP Manuel Ruíz, foi rexeitada onte no Parlamento Galego. Durante a sesión Ruíz criticou a ‘falla de vontade’ do goberno para a consecución desta actuación, mentres que socialistas e nacionalistas defenderon a viabilidade desta obra pero non dentro dos prazos ‘irreais’ propostos polos populares

    A moción dos populares, que finalmente non foi aprobada, instaba á Xunta de Galicia a axiliza-los trámites precisos para levar a cabo a ampliación do porto comercial de Ribeira co obxectivo de proceder á licitación das obras durante o primeiro semestre de 2006.

    Tanto socialistas como nacionalistas rexeitaron a iniciativa dos populares non pola necesidade da obra, na que tódolos grupos coinciden, senón polos prazos non realistas propostos polo PP.

    A deputada do BNG, Ana Pontón, cualificou como ‘salto no baleiro’ a moción de Ruíz posto que os prazos establecidos no documento só poderían cumprirse incumprindo a legalidade xa que é imposible que ó longo deste mes estea rematada a avaliación de impactos medioambientais.

    Pola contra, Manuel Ruíz, insisitu en que o anterior goberno do PP deixou elaborados tódolos estudos para a posta en marcha das obras da dársena exterior de xeito inmediato. Segundo el, a demora no proxecto responde á ‘falla de vontade e ás ganas de marea-la perdiz’ por parte do bipartito, lembrando que nos orzamentos de 2006, o goberno da Xunta soamente destinou unha partida de oito mil euros para esta actuación.

    Os nacionalistas insisten, pola contra, na necesidade de realizar novos estudos para avaliar a repercusión que esta obra tería nos sectores pesqueiro e marisqueiro, fundamentais na economía do concello. Neste sentido apuntan a necesidade de amplia-lo porto comercial co menor impacto posible para este sector, facilitando o desenvolvemento de actividades empresariais sen comprometer as productivas.

    Redacción Barbanza