Marcos Mallo e Fernando Pérez, premiados na Gala do Deporte de Lousame

    LOUSAME> Os atletas Marcos Mallo e Fernando Pérez foron distinguidos como mellores deportistas de Lousame durante o 2014. Nesta primeira edición, o concello recoñeceu tamén a Pilar Barreiro Senra como mellor deportista da historia do municipio. Lousame celebrou este sábado a primeira gala do deporte coa que se pretende recoñecer ós importantes deportistas do municipio que, na actualidade, apenas contan con promoción. Nesta primeira edición, os galardóns recaeron nos atletas Marcos Mallo Figueira e Fernando Pérez Fernández. Este último proclamouse este ano campión galego e subcampión de España de Canicross mentres que Mallo Figueira, máis coñecido coma Tosky, ostenta os títulos de campión do Circuíto Galego de Duatlón Cross e campión do Open de Galicia BTT. Outro dos premios máis destacados foi o recoñecemento a Pilar Barreiro Senra como mellor deportista da historia de Lousame polo seu currículo repleto de éxitos, como ser campioa de España de oitocentos metros lisos e posuír aínda o récord galego nesta categoría. En total, entregáronse nesta gala dezanove distincións. Na categoría do motor foron premiados David Fabeiro, Sergio Vázquez, Santiago Gience, Luís Carballido e a Escudería Berberecho. En canto a clubs e escolas deportiva, os galardóns foron para a mans da Escola Municipal de Tenis Punta Salera, o Lousame Veteranos Fútbol, A asociación deportiva Cruído, o Lesende Club de Fútbol e o Club BTT e Triatlón Treito. O concello outorgou tamén outros premios especiais a María del Carmen Freire e Manuela Figueira pola promoción do sendeirismo, a José Ángel Gience pola súa traxectoria deportiva e a Santiago Romero como exemplo de superación persoal. Tamén houbo recoñecemento para o taekwondista Óscar Ortigueira, o tenista Marcos García e o nadador José Luís Pan. Ademais das xa mencionadas, o Concello de Lousame tivo un especial recoñecemento aos membros de Protección Civil e á Rede de Voluntariado Local polo seu apoio fundamental no desenvolvemento das actividades deportivas municipais.