O Méndez Núñez celebra o seu 30 aniversario dando a coñecer a súa actividade

PONTEVEDRA> O centro Méndez Núñez celebra o seu 30 aniversario coa programación de actividades ó longo do 2019 que acheguen a sociedade a realidade das persoas con discapacidade e o traballo da asociación.

O Méndez Núñez, centro ocupacional e residencia para persoas con diversidade funcional, traballa dende hai tres décadas dende o centro histórico de Pontevedra. O obxectivo da súa actividade é o crecemento persoal e a mellora da calidade de vida dos usuarios do centro.

Para celebrar o seu 30 aniversario e para dar a coñecer a súa actividade, ten programados para o 2019 cinco eventos.

A primeira actividade, unha exhibición de habilidades físicas na praza da Peregrina, prevista para mañá, tivo que ser cancelada por mor do mal tempo e será trasladada a outra data aínda non fixada. A seguinte cita será en marzo, coa participación nas Murgas do Entroido.

En abril celebrarase unha  xincana accesible, e en maio haberá unha representación no Teatro Principal.

O calendario de actividades remata en xuño coa peregrinación polo Camiño de Santiago en colaboración coa asociación Discamino.

A xincana e a camiñada están abertas a tódalas persoas que queiran participar. No seu momento abrirase un prazo de inscrición.