O alcalde insiste na súa inocencia e apunta a causas políticas detrás das acusacións

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/15/xuizo_alcalde_pontecesures.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/15/xuizo_alcalde_pontecesures.mp4{/flowplayer}

 

PONTECESURES> Primeira xornada do xuízo ao alcalde de Pontecesures por un suposto delito de malversación de caudais públicos. Segundo a denuncia, o nacionalista Manuel Luis Álvarez Angueira cargou facturas de combustible do seu vehículo ás arcas do concello. O rexedor insistiu na súa inocencia, e apunta a unha persecución política como móbil da denuncia do concelleiro de Agrupación Cidadá de Pontecesures, Luis Ángel Sabariz. A acusación particular solicita tres anos de prisión, mentres que a fiscalía defende o sobresemento da causa por falta de probas.

Despois de nove anos e de que o xulgado de Caldas arquivara en tres ocasións o caso, esta mañá arrancou na audiencia o xuízo contra o alcalde de Pontecesures. Álvarez Angueira está acusado dun suposto delito de malversación de caudais públicos, por teren cargado ás arcas do concello facturas de combustible do seu vehículo particular por valor de 6.800 euros. Neste suposto fraude, Angueira contaría coa conivencia dun empregado municipal.

A causa parte dunha denuncia presentada polo Partido Popular e o concelleiro de Agrupación Cidadá de Pontecesures Luis Ángel Sabariz no 2006. Xa antes de entrar ao xuízo, o rexedor insistía na súa inocencia e apuntaba á persecución política como móbil da denuncia.

A defensa pide a absolución para os dous acusados. O fiscal, o sobresemento do caso por falta de probas.

A acusación particular, pola súa banda, solicita para ambos acusados unha pena de tres anos de prisión e dez anos de inhabilitación para cargo público. A decisión correrá a cargo dun xurado popular.