Varela recupera a demanda do ambulatorio na Comandancia da Mariña

    VILAGARCÍA> O candidato socialista á alcaldía de Vilagarcía, Alberto Varela, presenta esta tarde as propostas electorais do seu equipo en materia de Educación, Sanidade e Políticas Sociais. Será no Auditorio, nun evento aberto ó público no que está confirmada a asistencia de representantes de profesionais dos sectores educativo, sanitario e de ONGs. En materia de Sanidade, Alberto Varela levará como un dos proxectos centrais do seu programa a creación dun novo centro de saúde na cidade. Unha vella reivindicación socialista que o alcaldable se propón recuperar despois do ‘olvido do PP’. Nunha visita realizada á Comandancia da Mariña, espazo no que pretenden levantar o ambulatorio, Varela lembrou que foi en tempos de Emilio Pérez Touriño como presidente da Xunta e Javier Gago como presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía cando se asinou a cesión destes terreos para levantar o novo centro de saúde. ‘Aquel proxecto estaba encamiñado. O PP olvidouno –asegura o socialista-. Eu estou por recuperar aquel proxecto, Fole non. Quero debatir de esto con el e quero saber por que non defende esta reivindicación’. Contra o Partido Popular e contra o actual alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, tamén cargan os socialistas ó falar do Hospital do Salnés. Varela márcase como reto ‘dignificar’ un centro que ‘mantén a calidade de ten gracias ós seus profesionais, que loitan cada día –asegura- contra o ninguneo ó que os somete a Xunta’. O PSOE acusa ó goberno galego de tratar ó Salnés como un ‘territorio de segunda’ ó dilatar o proceso de ampliación, e carga contra Fole por ‘ser un títere que prefire calar diante dos seus xefes a defender ós seus veciños, en referencia á perda de servizos, que segundo o candidato socialista, vén sufrindo o centro de Ande.