Unha andaina abrirá este sábado a nova ruta circular de Carreira

    RIBEIRA> Trátase do segundo roteiro posto en marcha no concello despois do de Corrubedo. Ás catro da tarde é a hora fixada pola organización para a saída desta andaina duns quince quilómetros de percorrido, con saída dende o parque peirubano de San Roque, para transitar posteriormente por distintos lugares desta parroquia, con regreso de novo ó punto de partida. O nivel de dificultade é medio-baixo, podéndose realizar tamén a cabalo ou en bicicleta. A actividade organizada polo concello en colaboración coa Asociación de Veciños de Carreira servirá para abrir oficialmente a nova ruta de sendeirismo circular desta parroquia, a segunda habilitada no Concello tras a que se abriu en Corrubedo a finais do 2013. A intención é poder crear nove rutas, unha por parroquia, de tal xeito que ó final estean todas entrelazadas. Trátase ademais da primeira ruta da comarca do Barbanza que está adaptada a persoas autistas, a través dunha sinalización específica mediante pictogramas. Dende o concello destacan que a ruta sirve ademais para recordar a Carreira antiga. Durante o acto de presentación tívose tamén un recordo especial para Juan Manuel Tarela, traballador de AMICOS, falecido recentemente cando pescaba nas pedras de Couso, ó ser el unha das persoas que máis estivo traballando na marcaxe da ruta.