A ampliación do cemiterio de Vista Alegre non satisface ós socialistas

    BOIRO> O PSOE de Boiro critica a falla de planificación nas obras de ampliación do cemiterio de Vista Alegre que, segundo os socialistas, están a ocasionar problemas ós usuarios. Entre eles, a eliminación do acceso rodado directo ós nichos da ala dereita do camposanto que obriga ós coches fúnebres a dar a volta a todo o recinto. O candidato socialista á alcaldía de Boiro amosou a súa disconformidade co resultado das obras de ampliación do cemiterio de Vista Alegre que, ó seu entender, supoñen unha merma da accesibilidade no recinto. A disposición dos novos nichos limita o acceso rodado á ala dereita polo que é preciso dar toda a volta ó cemiterio para acceder ás sepulturas desta zona. Denuncian tamén o corte dos abetos situados á entrada que o executivo levou a cabo por motivos de seguridade posto que son árbores moi pesadas cunha raíz superficial que corrían risco de desprendemento. razóns que non convencen ó cabeza de lista socialista. Maneiro considera que estas deficiencias son resultado da pouca planificación coa que se teñen acometido as obras. Pola contra, dende o concello defenden as numerosas actuacións acometidas no camposanto coa dotación de servizos e a súa adaptación á legalidade.