Máis de 200 atletas nadarán, pedalearán e correrán no II SRR Triatlón

SANXENXO> Sanxenxo acollerá esta fin de semana o Triatlón 113 swim, ride and run. A segunda edición desta proba celebrarase o domingo 21 de maio, e atraerá ata a vila algúns dos mellores triatletas do escenario actual. O Triatlón 113 swim, run and ride será o protagonista do domingo en Sanxenxo. Máis de 200 atletas participarán nesta proba, que cumpre a súa segunda edición, cunha competición de media distancia. Este ano incorpora ademais unha novidade: o Triatlón Olímpico no Draft, puntuable para o campionato galego. No media distancia participarán Sonia Pariente, vixente campioa, e Ismael López. No Olímpico, atópanse nomes como Miqui Acosta ou Begoña Arranz. Atletas coñecidos que non queren perderse unha proba deste calibre. O sábado 20 pola tarde comezarase o check-in para as bicicletas e a recollida de dorsais. A proba propiamente dita arrincará o domingo ás 8 da mañá para os nadadores masculinos. As nadadoras sairán dez minutos despois.