A ILLA> Operación contra o tráfico de drogas en diferentes puntos de Galicia. Na comarca do Salnés as detencións e os rexistros producíronse nos concellos da Illa, Ribadumia e Sanxenxo. A operación estivo dirixida polo xulgado de Cambados e saldouse con 10 persoas detidas.
O xulgado de instrución número 1 de Cambados dirixiu esta madrugada un importante operativo contra o tráfico de drogas. Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional desenvolveron unha actuación conxunta que se saldou con 10 detidos en diferentes puntos de Galicia.
Os rexistros policiais comezaron ao redor das sete e media da madruga no concello de Ribadumia e nun bloque de vivendas da Illa de Arousa. Neste punto, os axentes procederon á detención dun home. Os rexistros continuaron en diferentes puntos da comarca do Salnés como Cambados e Sanxenxo.
A mesma hora que comezaba o operativo en Ribadumia, os axentes realizaban de forma simultánea rexistros en outros puntos de toda Galicia: Oia, A Cañiza, Porriño, Ferrol e Vigo. Nesta cidade ata en tres puntos diferentes. O operativo aínda está aberto e non se descarta que poida haber máis detidos.
O operativo é o resultado dunha investigación iniciada hai un ano cunha incautación de catro quilos de heroína no concello de Ferrol. Na intervención participaron, a unidade de drogas e crime organizado (UDICO) Policía Nacional de Pontevedra e Coruña, xunto co Equipo de Delincuencia Organizada Antidroga (EDOA), o equipo contra o Crime Organizado da Garda Civil e o GRECO da Policía Nacional. Todos os detidos pasarán a disposición xudicial o vindeiro xoves.