VILAGARCIA> A pandemia deixou a moitas persoas nunha situación límite: na rúa ou con auténticos problemas mesmo para poder alimentarse. En Vilagarcía, un home que adoita colaborar con colectivos sociais decidiu agora dar un paso máis: comezou a repartir entre os máis necesitados comida quente. A través das redes sociais está a facer un chamamento a que máis veciños se unan á súa causa solidaria.
O protagonista desta historia vive en Vilagarcía, pero prefire manterse no anonimato. Cando quedou sen traballo decidiu facerse voluntario de varios colectivos sociais da cidade e agora, decidiu dar un paso máis: comezou a repartir entre os máis necesitados comida quente e roupa de abrigo.
Tomou a decisión vendo a difícil situación que están a vivir moitos veciños. Ao colaborar con dúas entidades sociais, asegura saber cales son as persoas que máis precisan da súa axuda. Uns viven na rúa e outros en vivendas, en situación extrema.
A súa solidariedade xa está atopando resposta. A través das redes sociais este xeneroso home conseguiu mobilizar a varias persoas para unirse á iniciativa.
Porque o papel de Cáritas, lémbranos, é fundamental neste proxecto, ó aportar os alimentos que el despois distribúe de xeito altruísta. Fai un chamamento ós veciños a que se fagan voluntarios deste colectivo, que por mor da pandemia está a perder moitos colaboradores.
O home tamén ofrece o seu número de teléfono para que calquera vilagarcián que queira botar unha man a quen máis o precisa contacte con el. Insiste na importancia do voluntariado e dos colectivos solidarios que, segundo lamenta, suplen a ausencia de políticas sociais neste respecto por parte do concello de Vilagarcía.