Rianxo volve apostar pola arquitectura tradicional co II Foro de Rehabilitación

    RIANXO> Rianxo acollerá este mes o segundo Foro de Rehabilitación de vivendas no que se darán cita destacados expertos do campo da arquitectura. Ademais das conferencias haberá un área de exposicións e desenvolverase un obradoiro para nenos. O foro de rehabilitación de Rianxo preténdese converter nun punto de encontro para os profesionais da arquitectura de toda Galicia, onde reivindicar a posta en valor das construcións tradicionais adaptándoas ás necesidades dos novos tempos. Non se trata só de patrimonio senón tamén de mellorar os núcleos para favorece ro comercio local, o turismo e combater o feísmo. Mención aparte merece a necesidade de apostar pola eficiencia enerxética en virtude dos requirimentos impostos pola Unión Europea. Precisamente con estes obxectivos traballa a Área de rehabilitación de Rianxo dende a súa posta en marcha, no que xa se teñen acometido importantes reformas tanto no casco antigo como nos núcleos de Fincheira e Rianxiño. No encontro programado para o 24. 25 e 26 de abril participarán arquitectos da talla de Víctor López Cotelo, presidente dos premios FAD, ou Manolo Gallego, premio Nacional de Arquitectura. Como actividade paralela desenvolverase un obradoiro infantil que pretende fomentar entre os máis pequenos a arquitectura tradicional. Tódalas conferencias desenvolveranse no Cuartel Vello e habilitarase unha carpa para exposicións no Campo da Feira.