O BNG de Outes demanda ó goberno a posta en servizo da vivenda pública do Bosque

OUTES> O BNG de Outes demanda ó goberno que poña en marcha a vivenda municipal da antiga escola do Bosque. O anterior executivo deixou acondicionada e con mobiliario a instalación para o seu alugueiro pero cincocentos días despois segue baleira.

Ademais de deixar a vivenda arranxada e dotada con tódalas instalacións necesarias para entra a vivir, o anterior goberno aprobou tamén a normativa precisa para alugala. Sen embargo, a día e hoxe permanece pechada.

Dende o BNG xa levaron a pleno esta cuestión en diversas ocasións sen obter unha resposta que aclare os motivos polos que non se puxo a instalación a servizo da cidadanía que precisa dunha vivenda.

Ademais desta vivenda situada na antiga escola do Bosque, o BNG aposta por arranxar tamén outras instalacións de titularidade municipal como as de Lantarou ou Tarás para poñelas a disposición da veciñanza co obxectivo de favorecer o asentamento poboacional.