Motores máis ‘verdes’ para a industria naval

    RIBEIRA>A Escola Náutico Pesqueira de Ribeira aposta por achegar a industria ó entorno académico co fin de mellorar a saída laboral dos seus alumnos. Nesta liña enmárcase a conferencia desenvolvida esta mañá sobre a eficiencia enerxética nos motores navais a cargo do responsable comercial de Man Diesel en España. Os alumnos da Escola Oficial Náutico Pesqueira tiveron ocasión de coñecer os últimos avances da industria naval en materia de eficiencia enerxética para cumprir cos requisitos, cada vez máis estritos, que establece a lexislación á hora de reducir as emisións contaminantes. O enxeñeiro naval Fernando Marcos, responsable comercial de Man Diesel en España, foi o encargado de expoñer as últimas novidades na materia, como é o sistema de propulsión con gas natural. Esta charla, que espertou gran expectación entre os alumnos dos módulos de máquinas, enmárcase na filosofía de escola de abrir ós alumnos ó mundo empresarial buscando un contacto directo que mellore as súas expectativas de cara á inserción laboral. Xa o pasado ano se realizaron iniciativas similares aínda que nas propias instalacións do colexio. Desta volta decidiron trasladalo ó auditorio municipal convidando tamén a persoal doutros centros como o CIFP de Coroso, que conta con talleres de automoción, e mesmo responsables do eido empresarial vinculado á industria naval.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí