A Deputación colabora na publicación dun novo libro sobre Filgueira Valverde

PONTEVEDRA> O escritor e intelectual Xosé Filgueira Valverde xa conta co seu tomo na colección Galegos na Historia. O libro, publicado pola editorial “Ir indo” coa colaboración da Deputación de Pontevedra, fai un pequeno repaso pola vida do galeguista pontevedrés, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

 

A través das 80 páxinas do libro, o autor e presidente da Real Academia Galega fai un repaso das vivencias de Filgueira, dende o seu nacemento ata a súa morte. Todo acompañado por documentos e fotografías que axudan ao lector a camiñar pola vida do intelectual pontevedrés, neste tomo número 42 da colección “Galegos na Historia”. Esta colaboración da Deputación súmase ás actividades que están a organizar para resaltar a figura do profesor, como a exposición de obras vinculadas á súa figura que estará aberta ao público ata o 18 de xuño no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.