O hostel do Gorgullón, un proxecto ilusionante freado polo coronavirus

PONTEVEDRA> Comeza a haber movemento nos distintos camiños que conducen a Santiago. Coa reapertura da catedral compostelá e a volta á normalidade de moitos albergues, moitos son os que se animan a vivir esta experiencia. Nós hoxe estivemos nun novo albergue en Pontevedra, que tivo que pospoñe-la súa apertura por mor da crise do coronavirus.

Miguel ábrenos as portas do seu novo proxecto. En plena crise postcovid, acaba de poñer en marcha un albergue en pleno centro de Pontevedra. El e a súa familia tiñan previsto abrilo para Semana Santa, pero non contaron cun hóspede inesperado: o coronavirus.

O seu albergue ten unha capacidade máxima para 20 persoas. Con todo, a covid-19 fai que, polo momento, teña que estar ó 75%.

Ademais, o coronavirus obrigouno a reforza-las medidas de hixiene, xa de por si moi estritas nun local destas características.

Con todo, e malia a ter que pospoñe-la súa apertura, Miguel amósase optimista de cara a esta tempada de verán.  Neste arranque da campaña , unha vez reaberta a catedral, agarda un bo volume de hóspedes, aínda que menos do agardado nun contexto normal.

Polo de agora, neste novo establecemento, situado na rúa do Gorgullón, durmiron xa peregrinos procedentes de Portugal, de Alemaña e tamén de Madrid e Tomelloso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí