Arrancan os traballos na praia de Paxariñas para recuperar a bandeira azul

    SANXENXO> Xa están en marcha as obras na praia de Paxariñas, en Sanxenxo. Os traballos concéntranse en suxeitar un terraplén que se derrubara durante os primeiros meses de 2014 por mor dos temporais. Estes desprendementos obrigaron á retirada da bandeira azul do areal, un distintivo que poderá recuperar este ano se as obras rematan antes do verán.

    Coa mirada posta en recuperar a bandeira azul, os traballos na praia de Paxariñas están a pleno rendemento.

    Os temporais dos primeiros meses de 2014 notáronse neste areal, deixando tras de si varios derrubamentos nunha das ladeiras. O concello valou a zona por precaución, pero a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor recomendoulle retirar o distintivo de excelencia. Estes días xa comezaron a executarse os traballos comprometidos pola Dirección Xeral de Costas, que contan cun orzamento de 500 mil euros.

    O de Paxariñas non é o único areal no que o concello ten actuacións pendentes. Unha das máis demandadas é a da rexeneración da Carabuxeira, que estará en marcha nos vindeiros días.

    Tamén nun período curto de tempo está previsto que arranquen os traballos na zona da Lanzada que corresponde a Sanxenxo. Alí, as obras limitaranse á construción dunha canle para a recollida da auga da chuvia para evitar desprendementos da area. O inicio está pendente da autorización de patrimonio.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/21/rexeneracion_paxarinas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/04abril/21/rexeneracion_paxarinas.mp4{/flowplayer}