A Plataforma pola Sanidade Pública inicia as mobilización para esixir máis médicos no Barbanza

RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza convoca unha manifestación para o vindeiro 14 de xullo. Previamente iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas para demandar á Consellería un reparto equitativo do persoal facultativo que non discrimine ás áreas periféricas.

Tal e como xa adiantara na súa última comparecencia, a plataforma en defensa da Sanidade Pública do Barbanza inicia o seu calendario de mobilizacións. Será o 14 de xullo cunha manifestación que partirá do centro de saúde de Ribeira ás oito e media da tarde. Previamente, a partir do 25 deste mes iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas.

A precaria situación da sanidade a nivel xeral vese agravada pola ausencia continuada de facultativos nalgúns centros de saúde como poden ser os de Rianxo ou Ribeira. Neste último hai tres médicos de baixa dende hai tempo. O feito de que non se cubran estas vacantes repercute na sobrecarga de traballo dos compañeiros e na calidade da asistencia ós pacientes.

A falla de médicos levou mesmo ó peche de consultorios periféricos como os de Cabo de Curz ou taragoña, que permanecen pechados dende o comezo da pandemia, ou á precarización noutros como nos de Palmeira no que tampouco se están a cubrir as baixas.

A situación é similar no hospital do Barbanza onde á falla estrutural de persoal nalgúns servizos engádense as ausencias sen cubrir e o incremento da poboación á que atender durante o verán. No caso das Urxencias, este verán nin sequera se reforzará o servizo nocturno cun médico máis polo que só quedarán dous facultativos en cada quenda nocturna.

Ademais das mobilizacións, a plataforma solicita o apoio dos partidos políticos que, en moitos casos, levarán mocións ós concellos reclamando unha cobertura axeitada tanto do persoal como dos medios necesarios para garantir unha atención pública de calidade en toda a comarca.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí