BNG e PSdeG reclaman á Xunta medidas de apoio ao sector do viño fronte á guerra comercial dos EEUU

CAMBADOS> BNG e Partido Socialista reclaman á Xunta que tome medidas de apoio ao sector vitivinícola fronte á guerra comercial aberta por Estados Unidos. Esta mañá, tanto Ana Pontón como Xosé Ramón Gómez Besteiro deixáronse ver pola comarca do Salnés. A voceira nacionalista mantivo un encontro cos representantes das cooperativas da zona para coñecer de primeira man a súa situación. O líder socialista, pola súa banda, visitou as instalacións da cooperativa cambadesa Martín Códax.

A nova política arancelaria dos Estados Unidos trouxo hoxe ata o Salnés aos líderes do BNG e do Partido Socialista. Ana Pontón e Xosé Ramón Gómez Besteiro estiveron en Cambados participando en cadansúas reunións con representantes do sector adegueiro da zona.

Gómez Besteiro estivo antes na adega Martín Códax. Dende alí, reclamou á Xunta que poña en marcha medidas de apoio aos sectores afectados, con axudas complementarias ás que está a habilitar o Estado dirixidas á dixitalización ou á apertura de novos mercados. O líder socialista esixiu ao presidente Alfonso Rueda que lidere a resposta á crise dos aranceis.

Máis tarde estivo no Parador de Cambados a voceira nacional do BNG que mantivo un encontro cos representantes das cooperativas vitivinícolas da zona. Ana Pontón reclamou á Xunta que tome medidas de acompañamento para o sector a través do IGAPE, tanto en materia de asesoramento como de financiamento.

Pontón recordou tamén outras das propostas do BNG para o sector vitivinícola: a recuperación dos contratos homologados entre viticultores e adegas, a aprobación dunha Lei do Viño e o afianzamento do banco de terras, entre outras.